Fondo de Compensación Discrecional


O Concello de Cedeira ven de recibir unha subvención de 80.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) da Xunta de Galicia. Este fondo quere impulsar a eficiencia enerxética  a través das renovábeis . O paradoxo deste FCA é que se destina a compensar aqueles concellos  afectados pola instalación de aeroxeradores  ou liñas de conexión. Non era a enerxía eólica unha enerxía sustentabel? Como é que hai que subsidiar o que de seu deberían ter asumido as empresas concesionarias con instalacións cuxo efecto na paisaxe non se negociou dabondo para que o impacto tivera, cando menos,  a inxección de liquidez na economía municipal?

Cómpre lembrarnos que o FCA dispuña de restriccións  xa que a normativa orixinal fixaba  para gastos de investimento dos 20 millóns de euros recadados cada ano a través dos parques para “gastos de investimento” coas accións “destinadas” a coidar a natureza, o uso sustentábel dos recursos e eficiencia enerxética. Alicerzando, principalmente, naqueles concellos  con parques nos seus territorios ou liñas de canalización de enerxía . Acontece que dende 2011 transformáronse os criterios de repartimento, xa que a metade dos ingresos fican baixo a tutelaxe da Conselleraria de Presidencia  para distribuilos entre plans “de natureza productiva e xeradora de emprego” que poden entregar a calquera concello, teñan ou non teñan autoxeradores, ainda que como é ben sabido a xestión do canon corresponde ao Instituto Enerxético Galego (Inega) da Consellaría de Economía.

Na práctica co FCM os parques que teñen entre un e tres aeroxeradores están exentos do pagamento da taxa. Os de 4-7 pagan 2.300 euros por cada “andarabilla”. Até 4.100 euros para parques que atinxen 15. E a partires de aí, a cota de mercado sobe a 5.900 euros. A previsión para 2012 previsto no orzamento aprovado pola Xunta seica apunta a unha recadación de 22,75 millóns de euros, fronte 14,4 procedentes do imposto sobre hidráulica.

As orixes deste desatino  avanzounas  Xabier Diaz  en Os muiños da Capelada, Olláparo,  4 de xaneiro de 2012:

“Na actualidade están a pagar polo aluguer dos terreos ata un 4% da enerxía que se xera nun ano, e dicir, nun parque, por exemplo, como o da Capelada I e II, que ten unha potencia de 31350 Kw , calculando que traballa unhas 3000 horas anuais, xeraría unha enerxía de 94050000 Kw/hora, o que sería un total de 9,405.000 € de beneficio ao ano ( sen contar os gastos de mantemento e supoñendo que estivera descontado o parque). Pois ben, a este parque corresponderíalle pagar en concepto de aluguer de terreos a os tres axuntamentos derredor 376.200 € anuais. Mais cando se contratou a súa concesión só se acordou un pago anual de 12,500.000 pta., ou o que é o mesmo 75126,51 €. Os concellos de Cedeira, Ortigueira e Cariño, só neste parque, perden uns 300.000 € anuais dende hai once anos ( digo once anos porque a inversión total do parque foron 4.670,000.000 ptas., que tardarían en descontarse, coa produción antes calculada, tres anos anos e a data de posta en funcionamento deste parque foi Nadal de 1992 “

Se houber un plano de aforro enerxético en edificios, equipos e consumibles  que axudaran a reducir a despesa econòmica por este conceito, como por exemplo, millorando a eficiencia enerxética da coberta da piscina municipal  e doutros equipamentos gravosos,  acrescentando a redución das horas de encendido do alumeado público ou a redución dos puntos de luz acesos durante a noite (a substitución das lámpadas por outas de baixo consumo con tecnoloxía LED) , recollendo as augas freáticas e pluviais e  recuperando pozos e fontes para aumentar a achega de recursos próprios ao fornecimento xeral de auga,  seriamos os primeiros en celebralo  sobretodo tendo en conta a crítica situación económica municipal, comarcal, nacional e estatal.

Se houber unha visión do territorio capaz de albiscar un Ortegal e unha Galicia onde o monocultivo de especies pirofíticas estiver distribuido en espazos limitados que permitiran liberarar o patrimonio natural,  material e inmaterial até o de agora invisibilizado e desnaturalizado, seríamos os primeiros en abenzoar tan xenerosa e intelixente estratexia.

Porén, a administración no canto de renegociar concesións abusivas  xa existentes  tira das subvencións e do canon eólico, estimulando a creación de parques de aeroxeradores sen límite e a perpetuación do monocultivo do eucalipto. Cos  300.000 €  (3.300.000 € en once anos ) que deixan de ingresar os tres concellos  ortegáns xa daba para reordenar plantacións de eucaliptos, poñer en valor o patrimonio material e para autofinanciar   instalacións solares ou de biomasa,  sen ter que tirar dun Fondo de Compensación Ambiental do que non se evidencia que os cidadáns sexan beneficiarios directos das explotacións eólicas.

O chamado  novo canon eólico ven substituir a participación pública empresarial a través da imposición dun novo tributo á xeración dunha enerxía limpa.

Con esta tipoloxía de plans de subsídios, o FCA  pasa a ser pouco concreto e intencionamente ambiguo: “Outras actuacións de protección do medio ambiente e do entorno natural” (lei de acompañamento aos orzamentos de 2012).  Ainda que existe a posibilidade de financiar actuacións de conservación da biodiversidade ou utilización recreativa dos espazos ( grande cinismo se temos un territorio ateigado de eucaliptos que non respeitan patrimonio -castros, vexetación de ribeira, etc-  nen contorna paisaxística (Herbeira, Santo Andrés,etc) e cando sabemos que calquera actuación para ser efectiva tería que ser normativa e global,   na práctica o FCA  permite o reparto discrecional de subsídios e o seu uso clientelar.

E como é que seran xestionados e redistribuidos eses ingresos, pois a través do Fondo de Compensación Ambiental, unha máquina clientelar argallada por Alfonso Rueda para millorar  aos afíns con cartos  a seren repartidos con discrecionalidade tal como se verte nos artigos 23 e 25.

Velaí o resultado: o concelleiro Rubido vendéndolle ao viciños (Diario de Ferrol,30 de maio de 2012) a colocación de placas solares e caldeiras de biomasa a cambio de territorio,  esmolas a cambio de estragar paisaxe  e patrimonio. Do que se trata é de pór unha cifra para tapar os ollos, para promover o monocultivo dos aeroxeradores ou de eucaliptos.  Alguén se preocupou de facer números ? Cantos cartos se deixaron de ingresar en conceito de alugueiro mália o impacto dos aeroxeradores en zonas de valor paisaxístico e ambiental ? Cantos postos de traballo se perden por non ter unha economía sustentabel  ou por non revisar concesións?

Publicado en Cedeira, Medio ambiente | Deixar un comentario

Desastre ecolóxico na Praia da Magdalena


Gelo do Moure

Unha semana despois do remate das Festas de San Isidro de Cedeira, póñome a facer este traballo de denuncia, de cómo quedaron as dunas da Praia da Magdalena,dende a caseta da Cruz Vermella ata O Chiringuito( antiguamente o Camping), despois do “Tsunami” de lixo que alí deixaron os que participaron no “Cola-Caos” durante dous días.

Para mín os máximos responsables desta desfeita vergoñenta ecolóxica, son os que estiveron nela, e despois o goberno municipal do PP, por non poñer os medios necesarios para que isto non pasara( como contenedores na zona das merendas, carteis que recordasen a importancia e a  obriga da recollida de lixo, presenza da Policía Local informando deses feitos,etc,etc…)

¿Outros responsables? Poden ser as Institucións Públicas como Seprona, Consellería de Medioambiente ou Demarcación de Costas. Esta última parece ser a máxima responsable de tódalas dunas de Galiza.

A estas Institucións, como tamén á prensa , voulles mandar unha reportaxe fotográfica que acompaña a este traballo, para que sirva de denuncia e poñañ remedio a esta agresión ó Medioambiente, que se repite tódolos anos.

This slideshow requires JavaScript.

Publicado en Ecoloxía, Medio ambiente | Etiquetado | 3 Comentarios

Adeus á escola pública


Gabriel Beceiro

O problema do ataque ao ensino público que supón a aprobación do Real Decreto Lei 14/2012 no Congreso dos Deputados non só é que vaia acrescentar a reproducción das disparidades xa existentes, senón  que sendo cuestión que nos afecta a todos  e que todos debemos participar na solución, preséntase  como sendo “obxectiva” cando non existen máis razóns para a súa aprobación  que as que poida ter eu para refugala. Antes que sacrificar a escola pública, poderíanse ter apañado máis recursos se o estado español corrixira o fraude fiscal (44.000 millóns euros ao ano segundo a Axencia Tributaria), lle tirara as axudas á Igrexa para aprender relixión católica no ensino público (582 millóns) ou recuperara  o imposto de patrimonio (2.100 millóns), entre outras posíbeis medidas.

E digo que é un erro non porque  os recortes previstos agraven aínda máis as insuficiencias crónicas dunha escola pública  xa escasamente financiada e dunha escola concertada sostida con cartos públicos,  mesmo sabendo que xa non facian outra cousa que reproduciren as disparidades de orixe, senón que o pior dos erros  é que os señores e señoras do PP non ben chegaron ao poder estén a obxectivar  e materializar os seus desexos personais, incluidas as arelas do  conselleiro de educación de “noso” por ser completamente posuído polo grande Falo  FAES.  Así de doado é convertir un puritano tecnócrata nun axouxer aos pés do Padre PP.

Ah, a educación !  Alguén dubida que o PP sabe millor cá ninguén o que a humanidade precisa?  Trátase de recrear e reproducir a xente á súa imaxe e semellanza, non-si?. E diredes, e como poido tomar a serio a quen deplorou a “ideoloxía”  nas aulas, mais louva agora aos ideológos da súa contorna? Non o sabedes? Os ben educados señores e señores da dereita teñen unha conciencia moral ben desenvolvida, xa o dicia a mente clara e distinta de Don Manuel que “era normal que ganaran las plazas los hijos de familias prominentes” para agravio dos emigrantes transoceánicos que van proxectar en mancomún  un xeito corporativo de erguer  escolas nas parroquias para, di  Vicente Peña,  “ofrecerlles ós seus coparroquianos máis novos as oportunidades de formación das que moitos deles careceran para abrirse camiño de maneira máis doada na vida”.

E que non hai mellor educación cá lei natural, e o que agora se nos ofrece por Real Decreto é que as xeracións futuras no cheguen xamáis a ceibarse dela. Hailles que recoñecer a deferencia, son educados de máis para dicirlle  á xente que o realmente importa non  é a educación, que  non é importante por sí  e en si mesma, que os mecanismos compensadores (escola pública universal) levan irremediablemente ao fracaso social pois o que conta é a fe firme na lei natural e na Igrexa.

Tamén eu, en ocasións, vexo monstros, cabaleiros que serven mestres, funcionarios do pensamento…e non debo abusar da vosa confianza contándovos  as lerias dun resentido que foi á escola pública. Ás veces todos somos víctimas de tal ilusión.

*Vicente Peña Saavedra (1998) As escolas de americanos en Galicia: proxectos e realizacións na comarca de Ferrolterra.Dispoñibel en  : http://catedra.pontedeume.es/07/catedra0712.pdf
Publicado en Educación | Etiquetado , , , | 1 comentario

Dia das Letras 2012: Carlos Callón


Publicado en Galiza | Etiquetado , , | Deixar un comentario

Voares de esperanza


 Manifesto de Agustín Fernández Paz para a manifestación do 17 de maio

Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza! A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.

Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.

Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.

Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.

Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposiciónliberdadebilingüe,normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.

Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.

Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un “nicho ecolóxico” favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.

Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.

Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»

Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.

Publicado en Galiza, Normalización lingüística | Etiquetado , | 6 Comentarios

Paremos os ataques contra o galego


Cando faltan 48 horas para a manifestación cidadá en defensa da lingua, o goberno municipal resolve negativamente unha petición “que sempre foi de trámite” para poder colocar un palco, para usar o punto de luz necesario para a megafonía do acto final e para poder colocar unha faixa informativa na Alameda de Santiago de Compostela.

Carlos Callón, como presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego, asevera que “desde que A Mesa existe, hai 26 anos, nunca nos encontramos cunha resolución tan disparatada para unha mobilización en defensa do noso idioma”. “Quérennos deixar sen voz: temos máis razóns que nunca para erguela e para acudir a Compostela o Día das Letras”, aseverou Callón, quen considera que, “o actual goberno de Santiago ten un problema moi serio coa tolerancia lingüística e cultural e coa liberdade de expresión, como puidemos ver primeiro co Correlingua e agora coa manifestación do 17 de maio”.

O Concello denega case todos os puntos solicitados por Queremos Galego* baseándose en que “a manifestación coincide coa Ascensión”, excepto a petición do punto de luz preciso para a amplificación do son, na cal non utiliza a escusa das festas, senón que non ofrece ningún motivo. Porén, desde a plataforma sinalan que “parece unha burla querer denegar esa licenza baseándose na Ascensión, xa que non é a primeira nin será a última vez que o día 17 de maio coincide con eses festexos”. O presidente da Mesa di ironicamente que “a culpa é de Rosalía de Castro por asinar a dedicatoria do primeiro libro contemporáneo en galego nun 17 de maio”.

* A  Plataforma Queremos Galego  está intregrada por  máis de 700 entidades
Publicado en Galiza, Normalización lingüística | 1 comentario

A visita


Gabriel Beceiro

Fonte: Diario de Ferrol

Fronte á verdade, a retórica esvaece.  Qué destino os uneu?  Informa o Diario de Ferrol que  logo de apadriñar unha promoción de Ciencias Políticas en Compostela, da que é profesor Xosé Luis Barreiro, aproveitando amizade co expresidente da Xunta  de Galicia, chegou a terras de Cedeira. Qué lle estará a dicir co puño pechado? Molt Honorable President, en Cedeira… (falará catalán na intimidade  Leopoldo Rubido?).  Ignorámolo, de verdade. Mais dende a nosa modesta  perspectiva de olláparos podemos aventurar que non lle está a contar  que xa gobernaba durante o franquismo e que no verán de 1977  vai adicarlle un monolito ao Generalísimo – mas iso, o molt honorable president xa o sabe, lérao en maio no ABC e despóis en La Vanguardia Española o 8 de agosto,  daquela a língua era franquista   e  fedía a círio e   balor de caserna. Lémbrase ben porque en xuño do mesmo ano recebera a acta de deputado  nas Cortes Generales por Barcelona, ainda que sabe que  a razón principal non é esa senón que  vai ser conseller “sin cartera” no goberno provisional de Cataluña. Con certeza, tamén non lle está  a confesar que abomina da língua própria  de Galiza, e o xeito en que un franquista pode  devir demócrata: iso tamén o sabe o president Pujol. Daí a cortesía da autocontención, do aceno agochado e os brazos nas costas.

Os galegos somos raros. Por iso,  a imprensa comarcal recibe  con certa rexouba  visitas que nos honran,   porque nos permiten imaxinar un outro país. O president Pujol desvia a ollada, cecais para asentir:  a raia, millor en empanada.

Publicado en Cedeira, Política | Etiquetado , , | Deixar un comentario

Qué fai o ministro de exteriores inaugurando unha capela?


Foto: Diario de Ferrol

O primeiro de maio, entanto as rúas galegas acollían as mobilizacións de traballadores (é un dicir, disque xa hai máis pensionistas e parados que traballadores), o ministro de Asuntos Exteriores do Estado Español  José Manuel García-Margallo acompañaba ao Alcalde Rubido  (que seica abandonou as súa obrigas, tanta é a súa adicación)  ao bispo da Diócese de Mondoñedo Ferrol , ao delegado de patrimonio artístico e a outros dispensadores de liturxia na inauguración da nova capela de María Mediadora. Moito boato político-relixioso para un templo innecesario que só nos fai recordar que foi a corporación de Rubido Ramonde a que desprotexeu o vello edificio antigo María Mediadora facilitando así a sobreurbanización da contorna da que o Auditorio forma parte.  O porqué  explícao o párroco Gonzalo Varela a Diario de Ferrol (02/05/2012):

“Cuando la congregación cedió a la parroquia el antiguo colegio, esta se encargó de negociar con una promotora la permuta que permitiría construir la nueva iglesia y la casa parroquial”

Neste concello  os gatos semellan ser todos pardos,  ainda que sair saen nas fotografías.

Para calquera observador é evidente que a agresiva e moi desaprensiva urbanización da Area é un dos maiores despropósitos que veu Cedeira nos derradeiros anos. Non só despareceron do skyline cedeirés edificios e predios emblemáticos como o parque-pista Florela, o convento da Area e a horta de Don Rodrigo, senón que foron substituidos por edificios de volumetría excesiva, no alto e no largo, que viñeron colonizar o espazo vital e sentimental  dos veciños e veciñas: beirarúas imposíbles, cronificación das horas de sombra, desaparición das señas de identidade. A máis, fixeronse intervencións disfuncionais que desnaturalizaron a contorna e acabaron por non serviren para o que foron feitas, velaí o soto da Praza da Rectoral (u-lo o mercado?) ou os andares superiores do Auditorio.

En todo este tempo a perda foi irreparabel, á insensibilidade da parroquia e da Diócese sumouse o desleixo das diferentes administracións públicas. Cecais todo sexa  froito da cobiza e o desleixo, do escurantismo ligado á cultura inmobiliaria cando interacciona  con unha  administración pública pouco atenta ao interese xeral, dunha insuficiente consciencia do ben común. O caso é que a nova capela veu dar xusto enfrente do Auditorio.

Cando se encetou a obra do Auditorio pensouse no interés xeral dada a urxencia con que se licitou, cumpreuse cos principios de necesidade que se precisan en toda obra urxente?

Qué relación hai entre a aparentemente arbritraria ubicación do Auditorio, encofrado entre edificios,  e a reurbanización do espazo que agora ocupa o novo templo logo da troca coa promotora?

O resultado é que se fixeron intervencións na Rectoral, na praia da Magdalena e levantáronse edificios como o  Auditorio  – a caixa do escenario orixinario era ridícula, disfuncional, e houbo de ampliarse a fume de carozo-  no entanto se perdían  edificios emblemáticos (convento, fábricas, Tres de Oros…e antes tamén o Parque-Pista Floreal) e non se rehabilitaban os que xa eran propiedade do Concello (Palacete, Biblioteca, escolas dos indianos de Esteiro). Para quenes poideron facelo e non pararon estes proxectos de especulación urbanística  a responsabilidade será súa para sempre porque poderán dicir  que a Cedeira non a coñece nen a nai que a vai parir !  Para eles toda a gloria.

Para quen esteña tentado a dicir que as necesidades actuais da cidadanía son outras, dicirlle que a política, en concreto, a política urbanística,  condiciona o real e o posibel até o punto que a desfeita inmobiliaria cedeiresa  de todos estes anos creou unha situación precaria e irracional de non retorno que nos submete agora, en plena recesión e perdendo emprego e poboación,  a apandar co feismo urbanístico que afecta directamente no turismo.

Sr.Alcalde, a máis de pasear ministros e inaugurar capelas, pensa facer algunha cousa? E a oposición?

Olláparo Edición

Publicado en Cedeira, Relixión, Urbanismo | 2 Comentarios

Cedeira Mon Amour


Fernando Igrexas Bouza

 
“Cremos que o que uniformiza diminúe ao ser humano, que as diferenzas culturais enriquecen a humanidade. Nós queremos axudar a enriquecer ao mundo coa nosa diferenza.” Luís Seoane

                       Xosé Díaz, un dos fillos de Isaac Díaz Pardo, nunha entrevista publicada no xa desaparecido Xornal de Galicia retrataba ao polifacético artista Luís Seoane afirmando que de ter sido catalán sería “moito mais que Miró”. Ao longo daquela reportaxe recordaba a importancia que Santo André de Teixido representaba no imaxinario de Seoane e facía lembranza de cando volta de Bos Aires, o primeiro que fai é ir a Teixido… organiza unha excursión con Isaac Díaz Pardo e súa dona. Naqueles tempos había que ir camiñando moitos quilómetros porque non chegaba o coche. Para Seoane San Andrés era volver de todo ao máis primixenio de Galiza, á Galiza telúrica… ao berce…
Seoane fai dúas figuras en 1967 que son un San Andrés de Teixido para meter auga e unha pomba para levar a herba de namorar. Son as primeiras pezas que se producen en En Sargadelos, na etapa nova que instauran Isaac e el. No fondo o que quería era dignificar a arte popular. Era unhos xenios cento por cento.

…ben, pois o sorprendente non é que atopemos referentes na nosa contorna que nos enrolen en naos con singraduras culturais ben interesantes, o sorprendente é a falta de vontade de lustros que case semella xa ideolóxica por casposa, cando se fai mención da cultura galega máis prestixiosa e achegada non é dixéstiva para o moi beato boato local, non falemos xa de remexer na novela negra local da Memoria Histórica do fusilados na Praia de Pantín ou do vergonzosamente esquecido Rexedor Manuel Fernández Freijeiro e os cargos locais do Concello Republicano de Cedeira fusilados en Ferrol, que falar… do Priscilianismo ou da Galiza prerromana na alma ritual de Teixido. Entón xa se pechan tódalas portas da visibilidade.
A Historia de Cedeira, a de seu, a achegada á Cultura e Historia de Galiza está a ser invisibilizada, cando non por imperativo ideolóxico (supremacismo español), mais tamén por exceso de ego na aportación de achádeos e datos, ocultando a historia Local para máis gloria de Onán e moita, moita preguiza. Semella menos ridiculista, e mais real neste contexto a “Teoría do Ensanche” dun amigo, que dí que Galiza non existía na precristiandade e que foi creada por obra dos Reises Católicos que forón botando pedra e fixeron un recheo.
Vai xa para corenta anos que se comezou a falar en Cedeira cando menos dun Museo Municipal, o certo é que o patrimonio arqueolóxico atopado no Concello de Cedeira non está a se debidamente tratado, non está centralizado nun recinto municipal, mapeado, inventariado e documentado, exposto a coñecemento público, xestionado polo Concello e co apoio técnico das universidades e da Consellaria de Cultura.
O certo é que once castros máis ducias de mámoas se atopan abandonadas e soterradas a dia de hoxe até desaparecer do imaxinario da cidadanía…o certo é que a pista de Chimparra que vaia á Capelada pasa por derriba do Castro de Chimparra, o Certo é que o Castro do Cura en Cervo, o de Maghoira ou o das Croas hoxe por hoxe forman parte de terras de explotación forestal de monocultivos…Como para falar de Teixido no imaxinario que inspirou a obra de Seoane andamos nesta vila…

O mundo que queremos construir non se pode entreter en si nos gustan ou non as iniciativas privadas alleas que xurden na Vila, temos que ser quen de recuperar no imaxinario da cidadanía a cultura de seu, sendo actores do seu rexurdir, sen remedio ademáis. Vale de pouco laiarse…temos que querernos máis a nós mesmos e ao noso a amosalo dun xeito máis sustentábel no espacio e no tempo e non cun efémero “gústame” nas redes sociais.

As muletas

Por sete anos non puiden dar un paso.
Cando fun ao médico me preguntou:
Por que está a usar muletas?
Porque eu son coxo, eu respondín.

É normal, dixo.
Probe camiñar. Son eses aparellos
os que o impiden de andar.
Ande!, atrévase, rastexe sobre as catro patas!

Rindo como un monstro,
arrebatoume as fermosas muletas
rompéunas nas miñas costas mentres ría,
e lanzounas ao lume.

Agora estou curado. Ando!.
Curoume rir.
Tan só, ás veces cando vexo paos
camiño peor algunhas horas.

(Bertolt Brecht / De “poemas e cancións”)

 

Publicado en Cedeira, Cultura, Historia | Etiquetado , | 3 Comentarios

1 de maio


“Ainda que a práctica da historia sexa esencialmente antiutópica, 

certo é que a utopía fai andar a historia”

E. Cioran

 

Gabriel Beceiro

 

                      Outro primeiro de maio ao que chegamos padecendo a despolitización da economía. Slavoj Zizek lémbranos que cando iso acontece a política despolitízase. No derradeiro ano agromou  a idea liberal de dignidade amosando as mesmas contradiccións cas compañías de servizos financeiros. Neste sentido, os indignados permanecen empoleirados nun antagonismo que lles impede aceptar  a necesidade de tomar partido antes de que o seu potencial subversivo  e liberador sexa  integrado como “estilo de vida” , ou se se quer, neutralizado como  cuestión “cultural” que, en calquera caso, a Europa capitalista acolle con desprezo e sarcasmo.

Esa mesma despolitización da economía está  a alimentar a emerxencia da dereita xenófoba e populista na Francia, a asunción e aceptación  da mal chamada “austeridade” que fai da necesidade virtude, de que cómpre reducir o gasto social,  e a redución da “indignación” a manifestación cultural baleirada de calquera participación activa sobre decisións importantes.  A indignación debe recuperar o primeiro de maio, non houbo outro de máis relevo nas nosas vidas. Pode ser un comezo para artellar novas formas de acción e de presión.

O sindicalismo hexemónico español permanece  cómodamente instalado nunha fráxil resistencia, na inxénua crenza do multiculturalismo, no eloxio da civilización universal en construcción -iso si, subordinada á matriz uniformizadora do Estado español- , cando a tendencia á uniformización – agora chamada globalización-  é unha tendencia ao reforzo da adecuación da superestructura ás esixencias da infraestructura capitalista europea de orientación xermano-americana. É por iso que a mellor forma de implicarse é o rearme ideolóxico baseado  na convicción, nas accións directas na nosa contorna de influencia. Que a indignación e o movemento 15-M se implique cos sindicatos e coas forzas políticas de esquerda para cambialas.

O sindicalismo galego xurdiu como resistencia espontánea da clase traballadora galega fronte a esta uniformización co obxectivo de  limar as relacións de explotación non interior do Estado español e como medio de restablecer a proximidade e resolver os problemas dende a aquí e dende baixo.  Certo que poderiamos retrucar ao xeito de Sartre, qué lle importa ao pobo galego a cor do seu patrón se está obrigado a sofrer un patrón?. Xaora, nada axuda que na palanca da reacción esté o goberno de Feijoó, esa forma de delegación do rodillo- de-pintar da dereita imperial española e do capitalismo transnacional.

Mália a necesidade histórica dun sindicalismo galego a innovación debe pasar, tal como prognosticou Foucault, por  unha volta ás arelas éticas fronte ao risco e a ameaza, para estimular novos plantexamentos e tentar realizar (hoxe) novos ideiais de liberdade e xustiza. Se ben en todo este tempo o sindicalismo galego e as forzas de esquerda galegas non foron quen de artellaren centos de ensino de seu e universidades e os poucos meios de comunicación que hai esmorecen…Tampouco se percebe a articulación do que hai na rede.  Mas cómpre pensar que esa insuficiencia  é responsabilidade da sociedade galega toda, da baixa cultura democrática que aniñou en nós.  Ainda así, cómpre sair á rúa, articular alternativas colectivas coas persoas e colectivos que  saben o que queren achegando  propostas na nosa contorna e, se se quer, accións máis efectivas á altura da nosa época.

A burocratización e xerarquización do traballo na sociedades industriais  modernas adquiren hoxe a apariencia líquida da sociedade da información coa particularidade de que a chamada “fenda dixital” exemplifica que as disparidades e alienacións están lonxe de extinguirse ou debilitarse.  Máis ca nunca cómpre voltar á acción e palabra do individuo, deixar de concebir a ideoloxía para resolver os problemas desde arriba. Esa confiscación da iniciativa é producto tamén da despolitización que leva á fatiga do militantismo e ao voto exercido de vez en cando. Unha sociedade no que a producción xa non se confude coa industria  e no que a producción de valores de uso prevalece sobre a producción de mercadorias, só é posibel se existen relacións sociais igualitarias e unha reducción das rendas, un modo de producción máis autónomo e menos productivista. Portanto, a defensa de dereitos laborais é indisociabel da contestación ao productivismo e ao modelo de desenvolvimento.

O desemprego é  problema de maior magnitude na sociedade galega, amedoñando aos traballadores ocupados que ven  ameazada a súa “estabilidade”. A saída da ideoloxía neoliberal hexemónica é retallar dereitos alentada polo dictado do capital financieiro. Non sería o traballo o que crea productos, senón a producción a que crea traballo, e o traballador halle ficar ben agradecido á empresa que lle dé traballo, serlle fidel a perpetuidade se non quere perdelo. Porén, como aconteceu nos oitenta, o aumento de productividade non implica necesariamente a creación de postos de traballo. Velaí o desempregado, desmobilizado, aillado, e agora tamén desprotexido, a risco de verse desprazado e marxinado tira do despido, dos aforros e da familia e procura atopar traballo en oficios de menor categoría, empregos eventuais e en piores condicións. Entra na competición insolidaria cos compañeiros de infortunio, disposto a entregarse ás condicións que lle ofrecen. Desta situación deveñen toda caste de problemas e frustracións que van labrando a desafección civil.

Neste primeiro de maio de 2012 parécenos posibel afirmar que unha sociedade incapaz de dar a luz unha utopía e entregarse a ela está ameazada pola esclerose e a ruina. Hoxe máis ca nunca cómpre desmitificar o traballo – concebido éste como cerne de realización persoal ao servizo das estructuras actuais de consumo, o máis serio garante da perpetuación das estructuras actuais de traballo. Cómo salvar senón a contradicción existente entre o imperativo moral do capitalismo e a imposibilidade para moitos xoves de acceder a un posto de traballo estabel? Fronte a iso, nada: a desmobilización, o isolamento  insolidario, a despolitización, o cepticismo e a desorientación ideolóxica dende a paralización denominada “consenso”, incapaz de fornecer calquera iniciativa. Por iso é  que se precisa, máis ca nunca, lémbranolo Carlos Taiboacrescentar a nosa vida social para atopar alternativas, traballar menos horas e consumir menos.

Saúde, traballo e república galega!

Publicado en Economía, Política | Etiquetado , | 1 comentario