O patexo


Gabriel Beceiro

Os galegos somos coma os patexos. Gostamos do desprazamento indirecto que fai camiño coma no baile, porque sabemos que no camiño da seducción non todos as vías son as máis directas.  Mas nese desprazamento notabel  tamén existe o risco da circularidade, de ciar, de repetir os mesmos erros. Non deberíamos  recuar no  autogoberno. Certo é que non estamos nas millores mans posíbeis e que a vontade do “galego medio” é a eterna maridaxe con partidos que non teñen dirección de noso. Os galegos non deberíamos esquecer o baile do patexo, aceptar semellarnos a nós mesmos, mas coñecendo o barco no que embarcamos.

Tanta entrega e un instinto de conservación baixo mínimos, levounos a padecer con sinceira devoción a inhibición da UCD  e do propio nacionalismo ao non amarrar o “autonomismo”  cun partido ad hoc, o centralismo de baixa intensidade de García Sabell e os gobernos do “como si” de Fraga. Nestre intre, baixo a coartada da crise estamos a piques de  recuar até mínimos de goberno preautonómicos. Imponse o concepto duro de democracia partidista (por exemplo, agochando a situación de desemprego e pauperización cunha enxurrada de puntuais acontecimentos violentos e conspiratorios de xoves parados: contedores ardendo, caixeiros asaltados). Afáganse ao espectáculo que vén, e non se confundan, non ten que ver coas celebracións deportivas do próximo gañador da liga). A ecuación ficaría así: desempregados=indignados=xoves= violencia. Mais a cadea pode chegar a maior perversión:  nacionalismo = xoves galegos (cataláns..) = violencia. Sempre son as mesmas semellanzas perversas, sempre é o mesmo dispositivo de “sentido común” que tan ben analisa Gilles Chatelet en “Vivir e pensar coma os porcos”:

“Facede comprender aos vosos pobres que eles non son uns explotados senon uns carrozas, zoquetes, e que existen sociedades civís menos laxas.. a dos cormoráns, por exemplo. As pólas máis altas están reservadas para os máis fortes, que poden cargar ao seu antollo sobre os que están nas pólas máis baixas. !Imaxinade aos de abaixo aos que lles cae todo!”

Imaxinamos. Seguide axeonllados! Xa dicía miña avoa que canto máis baixas máis se che ve o cú.

A angustia xerada pola crise é un estado de cousas perfecto para o trileiro que quere castigar o dereito laboral e anular as resistencias identitarias. O goberno de Feijoó non fixo outra cousa que desintonizar as competencias de noso (concurso eólico, idioma,etc). Unha forma indisimulada de antieuropeísmo que pasa por no selo, e que consiste en ampliar as diferencias entre intereses de país e de soberanía, entre defensa dos servizos públicos e de orientación do voto, entre política e economía. É o centralismo de sempre,  esa infinda capacidade que teñen PP e PSOE para negar a realidade plurinacional da península e da Europa do pobos, parapetados, iso si, no conforto das “autonomías”. Galiza non precisa ministros galegos do PSOE ou do PP en Madrid, non sirven de nada, xa nos valemos nós para finiquitar competencias. Velaí Rajoy, cachorro do PP nado ao abeiro da “autonomía”,  a piques de nos dar un abrazo de oso. Cómpre bailar coma o patexo e ficar á espreita.

Esta entrada foi publicada en Galiza, Política. Ligazón permanente.

2 Responses to O patexo

  1. manuel di:

    Tes toda a razon do mundo. Agora ben hai unha frase que co tempo dara a razon aos galegos: podese enganar a todo o mundo. Pero o que non se pode e enganar a todo o mundo todo o tempo.
    O pior e que co tempo estes van facer unha desfeita con Galiza enorme.

  2. Belén di:

    Estou ben dacordo. De todas as maneiras eu son mais Queimacasas, eu non trabo por medo a caer com dicía meu pai

Deixar un comentario